O proxecto Gaia da Axencia Espacial Europea, que se centra en cartografíar a Vía Láctea, entra nunha nova fase logo que a ESA confirmase hoxe mércores a finalización das observacións científicas da nave espacial Gaia, lanzada o 19 de decembro de 2013. Dende entón e ata a actualidade, a sonda Gaia acumulou máis de 3 billóns de observacións duns 2000 millóns de estrelas e outros obxectos, construíndo o mapa máis grande e preciso da Vía Láctea. Aínda que o tanque de combustible de Gaia se está a esgotar, a misión continuará, dunha banda, coa programación de probas tecnolóxicas para as vindeiras semanas, antes de que a sonda se traslade a súa órbita de retiro e, doutra, coa programación de dúas publicacións masivas de datos, unha previsiblemente o vindeiro ano 2026, e outra, a finais desta década.
Vencellada ao proxecto desde o ano 2006, xunto co Galician Group for Gaia, integrado a súa vez no consorcio DPAC (Data Processing and Analysis Consortium), do que forman parte uns 450 profesionais internacionais, a catedrática de Física Aplicada e investigadora do CIM-UVigo Ana Ulla explica que “o enorme volume e precisión dos datos astronométricos de Gaia, para case 2000 millóns de estrelas, proporcionaron resultados moi relevantes” e pon como exemplo o coñecemento tan preciso que agora se ten da estrutura, distribución de masas, dinámica e historia evolutiva da Vía Láctea, “incluíndo aquí a caracterización de correntes estelares e dos restos doutras galaxias que foron no seu día engulidas pola nosa, xunto á capacidade de predicir colisións galácticas futuras”.