O grupo EPhysLab do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo coordina o proxecto estatal Aurora, centrado en mellorar a resiliencia, o deseño e a optimización das estruturas de protección costeira. O seu obxectivo principal é desenvolver, validar e aplicar ferramentas de modelado numérico de última xeración para abordar a estabilidade das unidades de blindaxe dos crebaondas (elementos clave para garantir a estabilidade destas infraestruturas ante condicións marítimas cada vez máis extremas) ao tempo que se afonda na comprensión dos procesos físicos que desencadean a súa inestabilidade.
O proxecto realízase de xeito coordinado coa Universitat Politècnica de Catalunya (UPC). Conta cun orzamento total de 369.375 euros financiados pola convocatoria a Proxectos de Xeración de Coñecemento 2024, da Agencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Arrancou en setembro de 2025 e prolongarase ata agosto de 2028. A iniciativa ten unha destacada dimensión internacional, contando coa participación e colaboración de persoal investigador de institucións como a Universitat Politècnica de València, a Universidade do Porto, KU Leuven, Uppsala University e a empresa xaponesa Fudo Tetra Corporation. “Esta rede de colaboración reforza a capacidade do proxecto para integrar coñecemento punteiro en modelización, experimentación e aplicación práctica na enxeñaría marítima”, sinalan desde a organización.
Vigo convértese esta semana no punto de encontro internacional para a investigación en nanociencia aplicada á biomedicina coa celebración da 5ª Conferencia Internacional sobre Nanomateriais Aplicados ás Ciencias da Vida (NALS 2026). O evento, organizado pola Universidade de Vigo e o Grupo de Nanomateriais Híbridos do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO), pertencente á Rede CIGUS, desenvólvese dende hoxe mércores ata o venres na sede de Afundación e reúne a 127 participantes procedentes de diferentes países.
O congreso inaugurouse esta mañá cun acto institucional co que arrancan tres xornadas de actividades científicas. Na apertura participaron representantes da organización e das institucións implicadas, como Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Mª Carmen Blanco López, presidenta da Asociación NALS e profesora da Universidade de Oviedo; Miguel Ángel Correa, director do CINBIO; así como as investigadoras do mesmo centro, Verónica Salgueiriño e Lorena García Hevia, que destacaron a relevancia de encontros como este para impulsar a colaboración internacional e avanzar na investigación. O NALS mantén a liña das edicións anteriores, apostando por un alto nivel científico e por facilitar a participación da comunidade investigadora máis nova. Segundo explica Verónica Salgueiriño, unha das organizadoras, “a intención é consolidar un espazo de intercambio científico accesible e de referencia no ámbito da nanomedicina”.
Os catedráticos da Universidade de Vigo Laura Carballo e Juan Pou atesouran dende este mércores cadansúa Medalla de Investigación de Galicia, distincións que concede a Real Academia Galega de Ciencias e que os acredita como investigadores referentes no seu campo. Ambos recolleron este recoñecemento no transcurso do acto de celebración do Día da Ciencia en Galicia que tivo lugar este mércores no Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela e no que se homenaxeou o químico Fernando Calvet i Prats como Científico Galego 2025.
Laura Carballo, catedrática de Dereito Internacional Privado da Universidade de Vigo e decana da facultade de Relacións Internacionais, especialista en Dereito laboral marítimo internacional, comprometida coa mellora das condicións dos traballadores do mar, recibiu a medalla da sección de Ciencias Económicas e Sociais. Juan María Pou, catedrático de Física Aplicada da UVigo, centrado na aplicación do láser na industria, a saúde e a sostibilidade, foi o galardoado en Ciencias Técnicas.
Félix Quintero Martínez, docente titular do Departamento de Física Aplicada e investigador do grupo LaserON, acaba de ser nomeado polo reitor da UVigo, Manuel Reigosa, vicerreitor de Planificación e Sostibilidade. Quintero, que releva no cargo ao catedrático José Cidrás Pidre, complementou o seu labor docente e investigador nos últimos catro anos e medio coa subdirección do Cintecx, Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, cargo no que non continuará ao incorporarse á dirección da Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade.
Nacido en Santiago de Compostela en 1974, Quintero é enxeñeiro industrial pola UVigo, onde tamén se doctorou cunha tese sobre corte por láser de cerámica avanzada. O Materials Science and Engineering Dept. de Rutgers University, EE. UU; o Materials Dept. do Imperial College of London e o 3Bs Research Group (Universidad de Minho, Portugal), son algúns departamentos onde desenvolveu a súa traxectoria investigadora, na que destaca por ser co-inventor da técnica patentada Laser Spining para a produción de nanofibras de vidro, así como do único método coñecido para a produción ininterrompida de nanofibras de vídro continuas a partir dun fundido, Cofiblas, que conta cunha patente triádica concedida por la European Patent Office (EPO), a Oficina Xaponesa de Patentes (JPO) e a oficina estadounidense USPTO (2024), ademais da española.