A saúde e o consumo de alimentos están intimamente relacionados, polo que a identificación de riscos emerxentes e dos seus factores desencadenantes é un reto para a industria alimentaria, xa que permitiría adoptar medidas específicas de prevención e de control. Este é o contexto no que naceu a finais de 2017 a Rede Galega de Riscos en Seguridade Alimentaria, Risegal. No marco desta iniciativa, coordinada polo CSIC e da que forman parte grupos de investigación das tres universidades galegas, celebrarase a vindeira semana a I Xornada de Riscos Emerxentes en Seguridade Alimentaria. Como explica Marta López Cabo, investigadora do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (CSIC) e coordinadora de Risegal, “o obxectivo deste evento é analizar e contextualizar en Galicia os cambios sociais, ambientais e relativos ás novas tendencias de produción e consumo na industria alimentaria que poidan supoñer a aparición de novos riscos para a saúde humana asociados ao consumo de alimentos”.
A xornada, en dous bloques
A xornada, que terá lugar o día 20 no Hotel NH de Vigo, dividirase en dúas partes, abordando por unha banda os riscos emerxentes e por outra os factores impulsores deses riscos. Desenvolverase en horario de mañá e está dirixida tanto ao sector industrial como ao eido académico e mesmo á sociedade en xeral. A inscrición é balde ata completar o aforamento do local de 70 persoas.