O catedrático Jesús Simal representará á Universidade no I Cumio de Innovación Tecnolóxica e Economía Circular

300 persoas, das que 19 son galegas, elixidas de entre case 2000 candidatas e candidatos de toda España, participarán o vindeiro venres 6 de xullo en Madrid no I Cumio de Innovación Tecnoloxía e Economía Circular, organizado pola Advanced Leadership Foundation, e no que , catro premios Nobel e outros líderes nacionais e internacionais, formarán ás persoas seleccionadas, tanto en innovación tecnolóxica, como en economía circular. O catedrático e vicerreitor de Internacionalización da Universidade de Vigo, Jesús Simal, é unha das persoas seleccionadas para participar no cumio, que ten o obxectivo de concienciar sobre os beneficios sociais e medioambientais da innovación tecnolóxica e a economía circular, así como crear unha rede nacional de “activistas civís”, que se encargarán de difundir este novo modelo a través de charlas por toda España.

“Apetecíame saír da miña zona de confort e apostar por novos proxectos ilusionantes que contribúan a mellorar a calidade de vida das xeracións vindeiras” explica Simal, que como catedrático da área de nutrición e bromatoloxía, que investiga temas de calidade ambiental e seguridade alimentaria, asegura que “me interesa a innovación e a xeración e transmisión do coñecemento en todos estes aspectos”. Xunto a Jesús Simal, completan a lista de participantes no cumio, representantes da economía e os negocios, líderes de agrupacións culturais e sociais comprometidos co desenvolvemento sostible, o emprendemento e a economía circular, así como a cooperación internacional, a innovación, o medio ambiente e as novas tecnoloxías.

Ler a nova completa no DUVI