HIPATIA E A INNOVACIÓN DOCENTE

Hypatia are a group of teachers united for a common goal: bringing innovative ideas to the teaching of Earth Physics.

 

Education is the most powerful weapon that can be used to change the world.

Nelson Mandela.

Hipatia é un grupo de Innovación Docente que ten como obxectivo formar ao alumnado naquelas materias que son chave para poder cursar outras. Nestas materias, como a Física e as Matemáticas, son nas que precisamente o alumnado atopa máis problemas á hora de estudar. “O obxectivo é motivar ao estudantado de cara ao estudo daquelas materias relacionadas dalgún modo coa Física”. En canto aparecen formalismos matemáticos ou físicos os alumnos e alumnas míranos con receo e mesmo moitas veces con cara de medo. Isto fai que moitas materias de carácter optativo caian no ostracismo e os alumnos e alumnas perdan de aprender cousas realmente interesantes para o seu posterior futuro laboral.
Coa creación deste grupo preténdese acercarlles o mundo da Física da Terra dunha maneira amena e comprensible. A Física é unha ferramenta imprescindible no estudo das Ciencias Naturais e con exemplos e actividades, poderán comprender a complexidade das Ciencias da Terra e o Espazo. Hipatia, “somos un grupo de docentes unidos nun obxectivo común: levar ideas innovadoras ao ensino da Física da Terra. Está aberto a tódalas e tódolos docentes que queiran participar e non se circunscribe unicamente ao ensino de grao, senón a tódolos niveis educativos dentro do seu papel divulgativo”.Cóntanos Mª de la Nieves Lorenzo Glez., profesora Titular do Departamento de Física Aplicada, da área de Física da Terra, e coordinadora de Hipatia.”Esperamos que o alumnado sexa quen de entender e comprender os conceptos físicos básicos das materias “divirtíndose”. Isto é, dándose conta do que están aprendendo. Moitas veces ves, que aínda que saiban as ecuacións non están entendendo nada. Simplemente as aprenden de memoria para o exame.”
O proxecto votou a andar no mes de novembro do 2016, e aínda que ten pouco tempo de vida, xa comezou a dar froitos: os estudantes de 3º do grao de Ciencias Ambientais, da Facultade de Ciencias de Ourense, elaboraron unha serie de pósters sobre o cambio climático que se colgaron nos pasillos da Facultade, co gallo de concienciar aos seus compañeiros e compañeiras, do perigo do cambio climático. E o alumnado de Traballo Fin de Grao, que se acerca ao seu grupo de investigación, FA9-Física da Atmósfera e do Océano (http://ephyslab.uvigo.es/), invítaselles a que elaboren o seu primeiro artigo científico, que posteriormente se publica na revista de Avances en Ciencias de la Tierra, unha revista de carácter docente-investigador, que o Grupo FA9, ven editando dende fai anos.
“A innovación docente está cobrando un papel moi importante dentro da educación a tódolos niveis, dende a educación infantil ata a educación universitaria. En congresos, páxinas webs e foros de diferente índole, ves proxectos e traballos que te fan pensar que o teu papel educativo pode ir máis aló da simple clase maxistral. Ademais, moitas das nosas materias optativas estaban perdendo alumnado polo medo á base física que posúen e ao formalismo matemático que se poden atopar. Así que, ao ver a convocatoria de proxectos de innovación docente, pensei que tiñamos que facer algo, e crear Hipatia era o primeiro paso que había que dar.” Séguenos contando a profesora Lorenzo.
A verdade é que chama a atención que nunha universidade haxa moitos máis grupos de investigación que de innovación educativa. E de que a primeira convocatoria, para a constitución de grupos de Innovación Educativa, da Vicerreitoría de Organización Académica e Profesorado se publicase no 2016. “Na universidade, é certo, que somos profesoras e profesores, e xa que logo, docentes, pero tamén é certo que sempre se valorou e evaluou máis o carácter investigador do profesorado que o docente, sobre todo no campo científico. Dende 1995, ano no que entrei a formar parte dos grupos de investigación da universidade, sempre pedimos proxectos de investigación e nunca de docencia. Os artigos que che pedían que fixeras para acadar un bo currículo, non eran de docencia, senón de investigación. E, ata fai pouco, case que non había congresos de docencia ou polo menos no eran tan coñecidos como hoxe en día.” Infórmanos Nieves Lorenzo.
Os congresos de docencia son fontes de coñecemento e intercambio de ideas. “Neles aprendemos novas técnicas educativas que poden
axudarche a mellorar a forma de impartir a docencia e podes compartir co profesorado doutras universidades, as experiencias que teñen no seu traballo docente diario. Axúdanche a desenvolver a faceta docente que nun campo como o noso, na maioría das ocasións vese infravalorada diante da grande dedicación que se lle dá á vertente investigadora.”
O grupo Hipatia aínda non ten ningún proxecto financiado. O seu labor realízano, neste sentido, sen apoio institucional. Aínda que xa teñen pensado concorrer ás próximas convocatorias.
Este grupo de innovación educativa rinde unha bonita homenaxe a Hipatia, científica e filósofa grega. “Hipatia foi unha grande estudosa do seu tempo, brillante matemática e astrónoma, ademais de ter unha escola de filosofía que atraía a alumnos de todo o mundo civilizado. Un verdadeiro exemplo a seguir, sobre todo agora que se está empezando a reivindicar o papel da muller no mundo da ciencia. Por iso elixín o seu nome.” Explícanos Nieves Lorenzo.

Escrito e editado por Mercedes Palanca Glez.