THANK GOD FOR HEDY LAMARR

 

Hedy Lamarr has not only been a famous film actress in the 1940s, but also an outstanding engineer and inventor: she was the first person to conceive of the widened spectrum version that would lead to Wi-Fi technology.

Hedy Lamarr non só foi unha actriz de cine famosa nos anos 40, senón tamén unha enxeñeira e inventora destacada: foi a primeira persoa en concebir a versión do espectro ensanchado que daría lugar á tecnoloxía wifi.

 

Hedwig Eva Maria Kiesler, Hedy Lamarr, naceu en Viena no seo dunha familia xudea. De pequena era considerada polos seus maestros como superdotada. Comezou a estudar enxeñería aos 16 anos. Pouco despois abandonou os seus estudos, que retomaría máis tarde, para se adicar á interpretación.

Un rico vendedor de armas alemán, Friedrich Mandl, que abastecía aos seus amigos Hitler e Mussolini de municións e avións, obsesiounose con ela e obrigou aos seus pais a dárllela en matrimonio.

Lamarr vivíu un auténtico cativerio mentres vivíu con Mandl, cativerio que aproveitou para continuar os seus estudos de enxeñería e para obter, dos clientes do seu marido, información sobre tecnoloxía armamentística da época. Estes coñecementos cedeunos, anos máis tarde, ás autoridades estadounidenses.

Nunha auténtica fuxida de cine, conseguíu escapar da vixiancia do seu marido, e aínda que a perseguían os gardaespaldas del, logrou chegar a Londres, onde coñeceu por casualidade ao maganate de Hollywood, Lousis B. Mayer, empresario da Metro Goldwyin Mayer.

En Hollywood, Lamarr converteuse nunha actriz moi famosa, que odiaba as festas e nunca bebía. O seu hobby era inventar. Montou  o seu propio laboratorio.

Sacou o título de enxeñeira en Telecomunicacións  e coñeceu ao compositor George Antheil, que sería o seu principal colaborador na creación dun sistema secreto de comunicacións.

Lamarr e Antheil idearon un sistema de detección dos torpedos teledirixidos empregados na Segunda Guerra Mundial. Inspirado nun principio musical, o invento con 88 frecuencias equivalentes ás teclas dun piano, era capaz de facer saltar sinais de transmisión entre as frecuencias do espectro magnético.

Rexistraron a patente e ofrecéronllela gratuitamente ao exército dos Estados Unidos, que non a utilizou por medo a que fose detectada polo inimigo, pero gardouna e mantívoa en segredo.

A tecnoloxía patentada por Lamarr e Antheil en 1940 demostrou ser a solución esencial para a comunicación segreda vía radio e para compartir o número de canles de radio ocupados. Fixo posible a transmisión de sinais segredos sen poder ser interferidos. E Estados Unidos empregouno por primeira vez durante a crise dos misiles  de Cuba no 1962, e despois como base para o desenvolvemento das técnicas de defensa antimisiles ata que, na década dos 80, o sistema do espectro ensanchado víu as súas primeiras aportacións na enxeñería civil.

A súa idea acabou converténdose na precursosa da tecnoloxía que se emprega hoxe en día nas comunicacións inalámbricas dos teléfonos móbiles, os sistemas GPS e a tecnoloxía wifi.

No 1998, a Electronic Frontier Foundation concedeu a Hedy Lamarr e George Antheil o Premio Pioneiro recoñecendo a súa contribución fundamental no desenvolvemento das comunicacións baseadas en ordenadores. George Antheil morreu sen coñecer a súa aportación á tecnoloxía nin ver o seu recoñecemento. Hedy Lamarr refusou ir recoller o premio.

O día do seu nacemento, o 9 de novembro, está adicado ao día das persoas inventoras, no seu honor.

Na Biblioteca de Ciencias Experimentais podemos atopar un tebeo cun relato da súa vida en inglés. Este exemplar foi solicitado polo profesor xubilado do Departamento de Física Aplicada, Jaime Peón Fernández.

Cecil B. De Mille, director de Sansón y Dalila, ao rematar a rodaxe dixo: “Thank God for Hedy Lamarr”, sin saber realmente todo o que temos que agradecer á intelixencia de Hedy Lamarr.

 

 

Escrito e editado por Mercedes Palanca Glez.